CONECTAMOS TECNOLOXÍA & PERSOAS

PARA XERAR INNOVACIÓN

QUÉ É INNOVA Narón

O Concello de Narón apostou, dende hai moitos anos, pola integración na sociedade dixital. Para iso, ademais da integración da administración, xorde a necesidade da integración da cidadanía.

O camiño a andar non é doado e leva máis tempo do desexado, mais cada vez son maiores os recursos destinados á consecución dos obxectivos marcados.

Un dos pasos levados a cabo foi a integración do Concello de Narón na REDE CEMIT da Xunta de Galicia, favorecendo a formación da cidadanía no uso das ferramentas dixitais a través de acción formativas concretas,  que levan un tempo desenvolvéndose e cada vez con máis aceptación por parte das naronesas e naroneses.

Grupo de personas mayores con tablet

OBJETIVOS

O seguinte paso é o desenvolvemento dun proxecto de innovación social dixital. Estes proxectos teñen os seguintes obxectivos:

  • Dar a coñecer á cidadanía da contorna local da aula Cemit o que é a innovación social dixital e participativa, a través do deseño dun proxecto de innovación social dixital, co obxecto de difundir e ensinar novas técnicas que permitan ás persoas participar, involucrarse e aprender novas maneiras de pensar e de facer.
  • Implantar o proxecto deseñado de innovación social dixital na contorna local da aula Cemit, poñendo en colaboración a persoas innovadoras, usuarios e usuarias da aula e comunidades, utilizando as tecnoloxías dixitais para crear coñecemento e solucións a un reto ou necesidade social concreta.
  • En resumo, capacitar á sociedade para que poida xerar novos modelos de colaboración e novas relacións sociais, cun enfoque dende a base da comunidade para resolver retos sociais da contorna e aumentando a cohesión social.

PROPOSTA

Debido a isto, o Concello de Narón presentou a súa proposta dentro da convocatoria CEMIT-INNOVA 2017, sendo un dos 10 proxectos seleccionados de toda Galicia pola AMTEGA (Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia) para a súa posta en funcionamento.

Pensouse nun proxecto que unificase integración dixital con integración social, que non fose pechado, é dicir, que poida medrar no tempo coa integración de máis colaboradores no mesmo e que sirva de experiencia para a posta en funcionamento de proxectos similares por todo o territorio galego.

RESULTADOS

O noso proxecto,  ademais dos obxectivos marcados, pretende acadar un resultado concreto:

A posta en valor, a través das novas tecnoloxías, tanto dos produtos  da terra como dos traballos  artesanais  da zona a través do uso dos medios de CEMIT, así como de redes sociais e de canles de venda como experiencia de comercialización online (web, blog, redes sociais e e-comerce)”.

Con isto, ademais, conseguimos cubrir outras necesidades detectadas, incorporar as  TICs nas tarefas diarias dos nosos colaboradores e a súa visibilidade a nivel global a través das redes.

ENTIDADES - EMPRESAS - PERSOAS

Esta iniciativa ponse en marcha dende a Concellería de Novas Tecnoloxías, pretendendo que non sexa só un proxecto, senón que pouco a pouco se converta nun escaparate virtual dos produtos do noso Concello, xestionado pola xente de Narón.

Ante todo, dende o Concello de Narón, temos que agradecer a valentía da equipa da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, por ser a pioneira nesta aventura dixital e, sobre todo, ás colaboradoras e colaboradores que participan directamente no seu desenvolvemento e posta en funcionamento.

O froito deste proxecto é o que estades a ver:

Logotipo INNOVA Narón